CRTVG

Buscar

A Ribeira Sacra encara a recta final da vendima

Publicado o 30/09/2019 20:08

Dos 7 millóns de quilos de uva que se agarda vendimar na Ribeira Sacra, xa se recolleron máis de 5 millóns. Arestora, máis de medio cento de adegas aínda se encontran en plena campaña da vendima, mentres que unha trintena xa finalizaron. 

Iván Gómez, adegueiro: "Xa levamos máis do 60 por cento vendimado. Esta fin de semana foi de moita intensidade, de moita entrada de uva. Estamos practicamente ás portas de acabar, cara á fin de semana. Este domingo xa se acabará tanto a vendima como o proceso da uva".

Durante a campaña, a vendima xera milleiros de postos de traballos directos e indirectos. Este ano, os labores estanse a ver favorecidos por unhas excelentes condicións meteorolóxicas.

"Cando hai choiva, tamén é duro, pero non tanto coma o sol. Ás doce, ás dúas ou ás catro é enfastiado".

"Traballo duro. Encántame. Encántame o traballo de cortar os acios".

Non menos duro é o labor dos carreteiros, que levan a uva da viña á adega, onde fermentará o mosto ata transformarse en viño. 

Iván Gómez, adegueiro: "O mosto está no depósito. Durante uns días está macerando en frío e a partir de aí arrancamos a fermentación, que durará unha semana ou semana e media, máis ou menos".

Nas adegas tamén se explota o enoturismo, que cada vez ten un maior pulo. Esta de Doade, en Sober, é a máis visitada de toda Galicia.

Noticias web

30/09/2019