A Ribeira Sacra busca fórmulas para recuperarse tras a parálise
A chuvia e os paxaros son os únicos que rompen o silencio hoxe no parador de Santo Estevo. As portas levan pechadas desde o 15 de marzo, ata novo aviso. Dentro, unha imaxe insólita para a temporada. A recepción baleira e os mobles, coma pantasmas, parados no tempo.
Miguel Castro, director do parador de Santo Estevo: "O período de Semana Santa, que comprendía do 4 ao 12 de abril, estaba ao cen por cento desde un mes e medio antes. Polo tanto, falamos de centos e centos de persoas para pernoitar e, por suposto, restauración".
O mesmo acontece nos case trescentos establecementos hostaleiros da Ribeira Sacra. Catro mil prazas cerradas, a maioría empresas familiares, que agardan con incerteza.
Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra: "Estamos intentando facer un diagnóstico do sector: como se atopan as empresas da Ribeira Sacra en canto a ERTE, cesións de actividades, despedimentos... quen opta a axudas e a quen lle resulta máis complicado acceder a esas liñas que se están poñendo en marcha".
As candidaturas a Patrimonio de Humanidade e Reserva da Biosfera danlles alento con vistas á reactivación económica. Mentres, seguen traballando na promoción, polas redes sociais, con xogos e propostas para que, sen viaxar á Ribeira Sacra, poidamos participar dela.