CRTVG

Buscar

A RFEF quere vacinar a selección con Janssen para evitar posibles efectos

Publicado o 10/06/2021 19:46

• Non descartan renunciar á vacinación se non é co preparado monodose, malia que non está indicada para menores de 50

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) está a negociar que se administre á delegación española que competirá na Eurocopa a vacina dunha soa dose de Janssen, ao estar desconforme coa efectividade da fórmula de dúas doses autorizada da farmacéutica Pfizer.

A Federación, que non descarta que a selección española acuda á disputa do torneo sen vacinarse, tenta que se aprobe unha vacina monodose seguindo os consellos dos servizos médicos da selección. Estes valoran os posibles efectos adversos dunha vacinación tan próxima ao debut na Eurocopa 2020 -o luns en Sevilla ante Suecia- e analizan o tempo que se tarda en lograr a máxima inmunización, que sería máis curto no caso da vacina unidose.

A vacina aprobada este mércores para ser administrada o venres polo Exército, en coordinación cos servizos médicos federativos, elaborada pola farmacéutica estadounidense Pfizer, require de dúas dose separada por 21 días. Fontes da RFEF recoñeceron a Efe que o organismo solicitou hai dous meses que se administrase a vacina no momento no que Luís Enrique desvelase os nomes dos 24 internacionais convocados. A resposta foi negativa, como confirmou este xoves en conferencia de prensa o seleccionador. "Gustaríame, e a todos os integrantes da selección, tela xa, pero son decisións que aceptamos e agora mesmo non hai nada oficial", asegurou. "O presidente leva varios meses negociando isto. A día de hoxe non temos confirmación de que se nos vaia vacinar", engadiu.

Desde o punto de vista médico, a vacina dunha soa dose que se administra en España, Janssen, está contraindicada para menores de 50 anos por posibles trombos. No caso de Pfizer, tardaría 28 días en dar a máxima inmunización. "Agora non vai ser cen por cento efectiva e poden ter efectos secundarios. (Pfizer) Son dúas doses separadas por 21 días e a máxima inmunización conséguese aos 28 días. Entre medias xeran inmunidade pero non a máxima. Janssen é unha dose e aos catorce días tense máxima inmunización", explican a Efe médicos do hospital Severo Ochoa.

Luis Enrique e os médicos da selección española non queren correr o risco de que a vacina xere algunha reacción negativa en xogadores e poida ter baixas para o primeiro partido ou na segunda dose para os cuartos de final, en caso de alcanzalos. "A postinxección pode provocar febre, cefalea e calafríos que afectarían negativamente o rendemento deportivo. Recoméndase non adestrarse", asegura o médico Luís Díaz.

Durante todo o xoves están a producirse negociacións para chegar a un acordo que será anunciado durante a tarde. Polo momento, a vacinación planificada para a mañá do venres está no aire. 

Noticias web

10/06/2021