A revisión da autopsia de Déborah Fernández constata que foi asfixiada
O cadáver de Déborah Fernández apareceu nunha gabia no Rosal no ano 2002. A moza saíra a correr por Samil, a uns 40 quilómetros, pero nunca regresou. A súa familia conseguiu que se reabrira o caso, pero, polo momento, continúa sen resolverse. Agora, a revisión da autopsia realizada por varios expertos constata que morreu por asfixia.
Rosa Fernández, irmá de Déborah: "Revela que a miña irmá foi asasinada, non foi unha morte natural, e que ten sinais moi notorios de defensa. Foi un pau, porque sempre queremos quedar co máis positivo, pero esperamos que este novo informe cambie toda a instrución".
Tras a revisión da autopsia, traballan con varias hipóteses. "Unha é unha sufocación e a outra unha asfixia cunha compresión abdominotorácica. Son as dúas hipóteses que hai nestes momentos", explica Rosa Fernández.
Os avogados da familia de Déborah están a elaborar nun informe pericial baseado nestes novos indicios.
"Esperamos que este informe cambie a pésima instrución que hai nestes momento alegando a morte natural e que isto axude a que probas e solicitudes que fixemos e que foron denegadas agora sexan valoradas doutro xeito", di a irmá.
E que, grazas a iso, consigan que se resolva canto antes o caso, que saia á luz quen é o culpable da morte de Déborah.