A reunión do interterritorial analiza o empeoramento dos datos en España
A incidencia acumulada da covid−19 a catorce días sobe por terceiro día consecutivo en España, sitúase nos 198 casos neste momento. O empeoramento dos datos analizarase hoxe na reunión do interterritorial.
Xa o observan con precoupación varias comunidades autónomas, como Cataluña, onde o posible cambio de tendencia pode supor o freo da súa desescalada.
Tampouco descartan revisar o plan do Nadal en Cataluña, igual que propoñen en Valencia. Ximo Puig insiste en que se repecte o peche perimetral da comunidade. Esta petición trasladaraa previsiblemente ao Goberno na reunión interterritorial.
Euskadi tamén suxire a posibilidade de máis restricións. O ministro de Sanidade recoñece as dificultades para os vindeiros días.
Na liña contraria, ponse o acelerador no plan de vacinación, tras o anuncio de que a Axencia Europea do Medicamento adianta seis días a reunión que podería aprobar a vacina de Pfizer. Será o 21 de decembro.
Hai quen case dá por feita esa revisión da data de inicio de vacinación, arestora o catro de xaneiro en España. Andalucía xa anunciou que poderá facelo antes.
Segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, España sumou máis de dez mil novos casos de coronavirus e outros 388 falecementos. Nos últimos sete días morreron coa covid−19 773 persoas.