CRTVG

Buscar

Vestas ve posibilidades de seguir en Viveiro se transforma a actividade

Publicado o 05/10/2021 19:29
EP

A primeira reunión da mesa industrial de Vestas rematou con avances para que se impulse un proxecto alternativo que manteña o emprego da fábrica de Viveiro, aínda que a compañía continúa adiante co ere extintivo -cuxo prazo de negociación finaliza o 29 de outubro- ante a súa intención de pechar a factoría antes de final de ano. 

En declaracións á prensa tras o encontro en Santiago -en que participaron representantes de traballadores, Xunta, Goberno e empresa-, o presidente do comité de Vestas en Chavín, David Mariño, cualificou como "moi positiva" esta "primeira toma de contacto", pois "deuse un paso en positivo para buscar unha solución".   

Agora, Mariño avisa de que "falta que se achegue algún tipo de proxecto por parte da empresa", "algo concreto" e "palpable", xa que "a administración está disposta a apoialo". Ve importante "saber que se vai a levar a cabo cando sexa posible materializalo", nun proxecto que "sexa realista para manter o 100% dos traballos".   

Preguntado sobre en que consistirá ese proxecto alternativo para a fábrica de Chavín e se a multinacional danesa está disposta a colaborar, o presidente do comité afirma que aínda é unha "etapa moi temperá", polo que a empresa "non concreta aínda nada" sobre se dará ese apoio para a continuidade con outro proxecto.   

Con todo, lamenta como "nota negativa" que a empresa "segue adiante co ERE", "aínda non valoran paralizar, nin moito menos retiralo". Precisamente, este mércores, 5 de outubro, haberá unha reunión entre traballadores e compañía no marco do período de negociación do expediente.   

Espera que a compañía recapacite, xa que "sería moi positivo" quitar "ese reloxo que está en marcha" para os despedimentos. E é que a mesa de traballo "non pode traballar continuamente con esa presión".   

Agora, "só falta o que a empresa diga que está disposta a facer". As partes emprazáronse a manter unha nova reunión da mesa industrial de Vestas o 13 de outubro, mércores.

A Xunta reclama que se manteña o 100% do emprego   

Pola súa banda, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, tamén definiu como "positivo" este encontro ao acudir tanto membros da multinacional como dos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, así como porque Vestas "se comprometeu" a traballar para "buscar solucións de actividade" para a factoría de Viveiro.   

"Soamente aceptaremos solucións que pasen polo 100% do emprego", deixou claro Lorenzana, que avisa de que non vale con que se manteña "só unha porcentaxe" do emprego. Anuncia que a compañía expón "posibilidades de transformar actividade manufactureira en servizos ou formación", pero afirma que isto "non sería suficiente se non mantén o 100% dos empregos".   

A semana que vén abordarase esa "posibilidade de reciclar" a actividade en Chavín, aínda que terán que "ser moi áxiles" ao manterse o prazo do ere. De tal forma, avoga por que "parte dos compoñentes que fabrica Vestas noutra parte de Europa se fabriquen aquí en Galicia", pero "soamente" será posible se se mantén o "100%" do emprego.

Retirada do ere

Paralelamente, María Jesús Lorenzana insiste en reclamar a Vestas que retire o ere, que a compañía quere manter "en paralelo" á negociación da mesa industrial. Indica que iso permitiría "máis tempo" para avanzar nunha alternativa.   

Sobre este extremo, a conselleira aclara que os responsables da empresa son os "únicos que poden paralizar" o ere, pois a Xunta, no seu papel de autoridade laboral, non pode facelo, dado que "non é posible xuridicamente". 

Lorenzana asegura que o papel da autoridade laboral é comprobar que existe "boa fe" na tramitación do ERE, como se fixo no caso en Alcoa, pero non se ten capacidade administrativa para "entrar a valorar a causa". De tal forma, o Goberno galego tan só pode deixar constancia de se se negociou de boa fe ou non para unha "eventual anulación" por parte "do TSXG". 

"Se existe a capacidade de producir por parte de Vestas noutra fábrica de Europa, o xusto debería ser que continuasen con esa actividade na fábrica de Galicia, porque de non darse este caso, as razóns produtivas ou organizativas non existirían", agrega, con todo, a conselleira.   

Vestas prevé cesar a produción nas súas fábricas de Lauchhammer (Alemaña), Viveiro (Lugo) e  Esbjerg (Dinamarca) no marco dun axuste no seu negocio. A fábrica de Vestas en Viveiro emprega a unhas 115 persoas que fabrican xeradores para o sector eólico -plataforma terrestre de 2 megawatts, así como paneis de control da turbina mariña V164- de mercados situados fóra de España.

Marcha por Santiago

Previamente a esta reunión da mesa industrial, os traballadores de Vestas marcharon por Santiago nunha mobilización na que protestaron ante a Xunta. Ás 15,00 horas, partiron do centro comercial das Cancelas tras dunha pancarta na que se podía ler 'Vestas, solución'.

Durante o camiño ata o edificio administrativo de San Caetano realizaron cánticos como: "Sen industria  non  hai futuro"; "Queremos  traballar e non emigrar" e "Feijóo, non te escondas, queremos que respondas".   

Así mesmo, algúns dos operarios portaron reproducións de muíños de vento e cruces con mensaxes escritas de "Vestas non se pecha". Ata a protesta trasladáronse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para mostrarlles o seu apoio. Á súa chegada ante a Xunta, os operarios coincidiron coa saída de numerosos funcionarios que terminaban a súa xornada laboral no complexo de San Caetano.

Alí, permaneceron concentrados e lanzaron foguetes antes de desprazarse ata a sede da Escola  Galega de Administración Pública (EGAP), no barrio das Fontiñas, onde se celebrou a reunión, para continuar coas súas reivindicacións.   

 

Noticias web

05/10/2021