A residencia de Baños de Molgas prepárase para recibir 90 ancians contaxiados e piden confianza ás familias
Na Residencia Integrada de Baños de Molgas levan xa dez días traballando arreo con anciáns positivos en coronavirus. Foi o pasado 24 de marzo cando a Xunta de Galicia decidiu que, este complexo xestionado pola Fundación San Rosendo, fose o primeiro centro de coidados integrais de España. Aquí ían acoller todos os usuarios de residencias de maiores e traballadores da provincia de Ourense infectados de coronavirus que precisasen coidados máis aló dos que se lle poden ofrecer nunha residencia normal.
O director deste centro integrado de Baños de Molgas, Miguel Ángel Vázquez, valora estes dez días, como días de "moito traballo e aprendizaxe. Aquí está a xente con maior compromiso co deber".
"Aquí acóllese, fundamentalmente, os maiores que están en residencias pequenas que non teñen recursos nin medios para atendelos; nin médico, nin enfermeiras, nin infraestrutura para atendelos. Aquí van estar mellor".
"Agora mesmo hai ingresadas 37 persoas, algunhas moi maiores e todas con COVID-19, e a idea é chegar a 90 persoas".
"A implicación dos traballadores, da xente de Ourense, das empresas, foron unha sorpresa, unha marabilla".
"Nós asumimos que estamos nunha situación de risco e de sacrificio persoal. Todos están lonxe da familia, dos fillos, posiblemente máis de dous meses e teñen unha perspectiva de certa angustia tamén. E no tocante as persoas maiores e ás familias que estén tranquilas. Non podemos chamar a todo o mundo todos os días, pero temos unprocedemento riguroso e comunicarane puntualmente os cambios non enfermos, tanto se empeoran como se melloran. Imos artellar un correo electrónico, hai unha asistenta social para chamar os familiares e pedímoslles que confíen un pouco no equipo".