Falecen dous usuarios da residencia do Incio intervida pola Xunta
Persoal sanitario accede á residencia do Incio para facer un dos controis diarios do estado de saúde dos internos. O centro, propiedade da Fundación San Rosendo, está intervido pola Xunta. É un equipo do Sergas o que se encarga do seguemento.
Nas últimas horas faleceron dous dos usuarios que deran positivo por coronavirus, un na propia residencia e o outro no hospital de Lugo, onde permanece ingresado outro ancián do mesmo centro. Segundo informa Sanidade, os dous homes falecidos tiñan 93 e 77 anos, e patoloxías previas.
Tras detectarse o gromo, activouse o protocolo Covid e a residencia volve estar en fase cero. Non se permiten as visitas nin as saídas dos internos. As zonas comúns están pechadas, e os casos positivos e negativos en plantas distintas, e atendidos por persoal diferente.
Algúns familiares achegábanse este venres ata alí para poder ver os seus a través da ventá.
"Teño a meu pai, ten 102 anos, estamos tranquilos porque deu negativo. Veño para haber se pode velo pola fiestra"
Sanidade trata agora de avaliar se o gromo está concentrado na residencia ou hai circulación do virus polo municipio. De momento non se coñece ningún caso. O concello xa puxo en marcha medidas preventivas, como suspender as feiras e os mercados e tamén o servizo de axuda ao fogar.
Héctor Corujo, alcalde do Incio, "reanundamos a desinfección das zonas públicas, e o servizo de entrega a domicilio de medicamentos e alimentos"
Os contactos directos dos residentes que deron positivo están xa en illamento, e tamén os dos 8 traballadores da residencia infectados. Agora estanse rastrexando os contactos indirectos para poñelos tamén en corentena.