A residencia do Incio, con 116 contaxios, e a de Outeiro de Rei, con 23, son os focos máis preocupantes en Lugo
Este martes están citados os primeiros veciños que van facer PCR neste concello. En total faranse 200 probas. Quérese saber o alcance dun gromo que preocupa especialmente na residencia de anciáns. A do Incio ten nestes momentos un novo positivo. En total hai 116 contaxiados no centro. Oitenta e nove son usuarios e 27 son traballadores. A raíz deste gromo hai xa sete persoas falecidas. En Outeiro de Rei hai outra residencia con 23 positivos. A área sanitaria de Lugo é a que máis contaxios rexistra cada día.
Segundo o Sergas, este luns comezou en Lugo o cribado ao persoal de hostalería do barrio da Milagrosa. Noventa e sete camareiros están chamados a facer unha PCR para intentar illar os positivos e frear a transmisión do virus na que é xa a zona cero en contaxios da cidade. Por estas probas pasarán tamén traballadores moi expostos ao contacto coa poboación como axentes de Policía ou empregados municipais.
A actividade na cidade está limitada polas restricións sanitarias. Os 30 bares da zona só poden atender en terraza e á metade da súa capacidade. Algúns quéixanse, pero en xeral os clientes entenden a situación.
No resto da provincia preocupa a situación das residencias. No Incio hai xa 116 positivos. Oitenta e nove son usuarios e 27 traballadores. Dous dos enfermos morreron nas últimas horas. E total xa son sete os finados no gromo.
Este martes comezan as PCR aos veciños do concello.
E na residencia de Outeiro de Rei, hai 23 contaxiados. 18 son anciáns e cinco son traballadoras.
Por último, o gromo de Monforte rexistra 11 positivos máis dende o venres. En total xa son 115 os enfermos.
Segundo o Sergas, Lugo aumentou os casos activos en 55 nas últimas 24 horas. En total, hai nestes nestes momentos 730 casos activos.