CRTVG

Buscar

A residencia de maiores de Silleda concentra 34 casos activos de coronavirus

Publicado o 15/03/2021 14:10

O primeiro caso que se detectou na residencia de maiores de Silleda foi o dunha usuaria que ingresou no hospital por outra patoloxía. Ao facerlle a proba viron que era positiva por covid e fixéronlle a proba ao resto de usuarios e traballadores da residencia: deron positivo 33 usuarios e unha traballadora. Todos están asintomáticos, segundo nos confirmaba esta mesma mañá a directora da residencia. Tamén puidemos falar con familiares dunha das usuarias afectadas:

Asunción ten os pais na residencia de Silleda. Ela contaxiouse e el non: "O que menos esperas é que, despois dun ano, das vacinas, de estar todo tan controlado, que pasase isto. Non o esperas".

Non rexistraran ningún caso desde o inicio da pandemia, e agora teñen unha traballadora e máis da metade dos usuarios contaxiados, entre eles tres que acababan de chegar e aínda non completaran o proceso de vacinación. Segundo asegura a directora da residencia, grazas á vacina todos están ben, sen síntomas, como a nai de Asun: "A miña nai é positiva asintomática. Está ben. Aínda a vimos onte, fixéronnos videochamada onte e o venres tamén".

Con este gromo, a incidencia acumulada en Silleda dispárase ata preto dos 500 casos por cada cen mil habitantes. Desde o propio concello solicítanlle ao comité clínico que, á hora de valorar as restricións, teña en conta que se trata dun gromo controlado.

"Eu creo que non debía afectar á hora de restrinxir o concello porque está moi localizado". "E non saen, normalmente, agora xa lles retiraron as visitas e todo iso, así que deberiamos seguir como estamos". "Se a poñen é malo para os negocios, pero primeiro é a vida da xente", comentan varios veciños.

Segundo os últimos datos, o total de casos activos en Silleda é de 38, 34 na residencia de maiores.

Noticias web

15/03/2021