A repunta de contaxios en Galicia pode provocar un aumento dos ingresos cara á fin da semana
Galicia está sufrindo un preocupante aumento de casos de coronavirus. A taxa acumulada de contaxios nos últimos 14 días é de 224 casos por cen mil habitantes. Ourense case duplica ese datos. As áreas sanitarias de Santiago e de Ferrol tamén están por riba da media galega. E Pontevedra e Vigo aproxímanse moito. Os epidemiólogos relacionan o pico de contaxios de agora coas saídas e reunións da última ponte.
"Hai un aumento derivado probablemente da coincidencia epidemiolóxica, como está ocorrendo no resto de Galicia e no resto de España, derivada seguramente do acontecido nos festivos do Pilar", aseguraba o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Ruibal.
Ese aumento de casos de covid-19 xa se nota na presión asistencial e os especialistas dan por feito que a situación nos hospitais galegos se agravará a finais desta semana.
"Sempre hai unha decalaxe entre o aumento de casos na comunidade e o impacto asistencial nos centros sanitarios. É previsible que nos próximos días notemos o impacto do aumento de casos que estamos tendo agora", apuntou Ruibal.
No hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, por precaución, nunca chegaron a pechar a planta covid, incluso cando eran a única zona de Galicia libre do coronavirus. Agora esa planta está completa e tiveron que abrir outra que xa ten a metade chea e a outra metade con casos sospeitosos pendentes de diagnóstico.