CRTVG

Buscar

A reforma constitucional de Putin provoca a dimisión do Goberno de Medvedev

Publicado o 15/01/2020 18:12

Mishustin será o novo primeiro ministro

A reforma constitucional de Putin provoca a dimisión do Goberno de Medvedev

O presidente ruso, Vladímir Putin, enviou este mércores á Duma a candidatura de Mijaíl Mishustin como novo primeiro ministro tras a dimisión do Goberno de Dmitri Medvedev. Mishustin, de 53 anos e economista de formación, exercía desde 2010 o cargo de xefe do Servizo Federal de Impostos, segundo informou o Kremlin nun comunicado.

Nas imaxes ofrecidas pola televisión vese a Putin reunido no Kremlin con Mishustin, que traballa na administración pública desde 1998. O político xa mantivo hoxe consultas na Duma, que anunciou que mañá, xoves, estudará a candidatura do novo xefe de Goberno, un descoñecido para o gran público. O seu antecesor, Medvédev, renunciou hoxe despois de que Putin anunciase unha serie de reformas políticas e constitucionais no seu discurso sobre o estado da nación.

Medvedev, de 54 anos, considerou "correcto" que o actual Executivo presente a súa renuncia tras os "cambios fundamentais na Constitución da Federación Rusa" propostos polo xefe do Kremlin, destinados a outorgar maiores poderes á Duma. En caso de ser aprobados, asegurou, ditas emendas constitucionais modificarán "o equilibrio de poder" entre o Goberno e a Duma.

Putin agradeceu a Medvedev o seu traballo á fronte do Goberno e mostrouse "satisfeito" coa súa xestión. En caso de que a súa candidatura sexa aprobada pola Duma, Mishustin será o décimo terceiro primeiro ministro desde a caída da Unión Soviética.

 

Noticias web

15/01/2020