"Na refinería o 64 % dos responsables de departamento somos mulleres"
Laura ten 28 anos e é técnica de seguridade da refinería de Repsol na Coruña. Ela é unha das moitas profesionais que rompen moldes e estereotipos.
Loitou pola súa vocación pese a ser un sector tradicionalmente de homes e agora forma parte dun equipo que aposta pola diversidade e a igualdade de oportunidades.
"Dende pequena interesáronme máis as ciencias que as letras, escollín o bacharelato tecnolóxico e sempre me imaxinei o meu futuro laboral no ámbito industrial, e nada, sen medo. Eu cando fixen o bacharelato era a única muller, eran todo homes e eu", di Laura Piñeiro, que traballa de técnica de Seguridade na refinería da Coruña.
A refinería da Coruña está xestionada maioritariamente por mulleres e o seu papel no sector non para de medrar en todos os niveis organizativos. Sábeo ben Natalia. Ela é a primeira muller en asumir a direción do complexo industrial coruñés, e a segunda á fronte dunha refinería en España.
"Pasamos de ter 16 mulleres no ano 1996 a ser máis de 140 na actualidade e en todos os niveis. Na refinería da Coruña o 64% das xefas de departamento son mulleres e eu mesma teño a oportunidade de estar á fronte da refinería da Coruña, por primeira vez unha muller", explica Natalia Barreiro, a directora da refinería de Repsol na Coruña.
Elas son mulleres que inspiran. Un exemplo de que o talento non é cuestión de xénero e que as mulleres teñen cabida alí onde o propoñan.