CRTVG

Buscar

A Real Academia Galega homenaxea a Antonio Fraguas en Cotobade, a súa vila natal

Publicado o 17/05/2019 17:51

Galicia honra este 17 de maio a figura de Antonio Fraguas, etnógrafo, folclorista, xeógrafo, galeguista e profesor. A Real Academia Galega conmemora o seu legado no lugar onde naceu, en Cotabade. 

A Real Academia Galega celebrou hoxe en Cotabade un pleno extraordinario, como é tradición cada 17 de maio. Un acto ao que asistiron os académicos pero tamén personalidades do mundo da política, como o presidente da Xunta e varios conselleiros do seu gabinete. Tamén do mundo da cultura e da xustiza.

Foi un acto en que se lembrou o importante legado cultural que deixou Antonio Fraguas: o seu inxente labor na preservación da nosa cultura e da lingua, o seu papel decisivo no movemento galeguista e a súa devoción pola docencia.

Unha sobriña neta de Antonio Fraguas abría os actos da Real Academia Galega destapando unha placa na antiga escola de Famelga. Foi alí onde un mestre cambiaría o seu destino, pedíndolle aos seus pais que o deixasen estudar no canto de emigrar.

Varios académicos lembraron hoxe que Antonio Fraguas nunca renunciou a ser un neno de aldea.

Lembraron a traxectoria política do homenaxeado, que mantivo o seu galeguismo a pesar das represalias franquistas. Especial homenaxe tamén ao seu labor como docente. O acto pechouse co himno galego.

Noticias web

17/05/2019