CRTVG

Buscar

A Área sanitaria de Vigo rexistra a taxa de positividade máis alta de toda a pandemia

Publicado o 22/07/2021 14:22

Medra a ocupación hospitalaria na área sanitaria de Vigo, pero non ao ritmo doutras ondas. Con todo, os expertos piden aumentar a prudencia para poder dobrar a curva de contaxios. Aquí a variante dominante xa é a delta, moi contaxiosa, e advirten de que aínda poden vir outras con máis capacidade de transmisión.
"A taxa de positividade é a máis alta de toda a pandemia. Afecta a un sector da poboación que resiste o virus mellor que a xente maior, pero hai que ter precaución", explica Benito Regueiro, Xefe de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo.

A partir do sábado, seis concellos desta área sanitaria aplican novas restricións, entre eles Vigo. Pecha o ocio nocturno e para consumir no interior dos locais haberá que presentar o certificado de vacinación ou unha proba negativa realizada como máximo nas 72 horas anteriores. Unhas medidas que non sentaron ben no sector da hostalería e que estudan recorrer.

"Os asociados din que é demasiado lesivo porque non vai en consonancia cos ingresos hospitalarios doutras ondas. O interior dos locais vai ser moi difícil poder traballar con eles", relata César Ballesteros, presidente da Federación Provincial de Hostalería.

Na rúa vívese con certa preocuapación este aumento de casos e apostan por extremar as precaucións. "Paréceme ben que se tomen esas medidas, porque a xuventude está como está", "paréceme ben para protexer á poboación, pero agora que estou a facer o camiño paréceme un pouuco incordio", "Se poden traballar e non quedan parados, moito mellor", explican algúns cidadáns.

Este xoves na área sanitaria de Vigo hai 3.165 persoas infectadas, 27 hospitalizadas en planta e 4 nas unidades de coidados intensivos.
 

Noticias web

22/07/2021