CRTVG

Buscar

A raíña Letizia presidirá en Vigo o Congreso Internacional FAO-Conxemar

Publicado o 03/10/2021 09:05
A raíña Letizia presidirá en Vigo o Congreso Internacional FAO-Conxemar

A raíña Letizia, embaixadora especial da FAO sobre nutrición, presidirá este luns 4 de outubro en Vigo a IX edición do Congreso Internacional FAO-Conxemar, segundo informou a organización.

A xuntanza, titulada Nutrición e saúde: beneficios do peixe e outros alimentos acuáticos, celebrarase no auditorio Mar de Vigo e á inauguración acudirán tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Ademais, estarán o director da División de Política e Recursos de Pesca e Acuicultura da FAO, Manuel Barange, e o presidente de Conxemar, José Luis Freire.

No programa figuran once relatores procedentes de Francia, Países Baixos, Noruega, Estados Unidos, Chile, Uruguai, Sudáfrica e Uganda, ademais de España.

Feira Conxemar

Un día despois, o martes 5, abrirá as súas portas a feira Conxemar que chega á súa XXII edición. Este ano dedícalle especial atención ás garantías da seguridade de expositores e visitantes, por mor da pandemia da covid-19. Non en balde, será a primeira das catro feiras de pesca a escala mundial que se celebra presencialmente desde hai dous anos.

O certame, que se celebra ata o 7 de outubro no IFEVI, contará con 486 expositores e coexpositores de 28 países. Nesta edición, Australia e Guinea- Bisáu asisten por primeira vez. Ademáis, haberá representación do Perú, Marrocos, Irlanda, Noruega, Ecuador, Indonesia, Panamá e do territorio de Alaska.