O acto das Letras Galegas aprázase por primeira vez na historia e pasa ao 31 de outubro

A Real Academia Galega (RAG) decidiu pospoñer o pleno extraordinario que tradicionalmente celebra o 17 de maio, Día das Letras Galegas, ao próximo 31 de outubro, ante a incerteza provocada pola pandemia da Covid-19.
O acto académico dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero celebrarase o sábado 31 de outubro, que coincide cos 110 anos do seu nacemento, segundo informa a RAG nun comunicado.
A sesión manterase no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol. Así mesmo, os demais actos presenciais que a institución previra celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas organizaranse despois do verán.
Esta decisión de aprazar a sesión plenaria do Día das Letras Galegas é inédita nos 57 anos de historia desta conmemoración, pero obrigada desde "a responsabilidade ineludible que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características".
A pesar destes cambios no calendario de actividades, a RAG aspira a que o 17 de maio sexa igualmente unha gran celebración colectiva e por iso fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que sexa así "valéndose das posibilidades do mundo dixital que tanto se están aproveitando nestes tempos de obrigado afastamento social".
Para iso, reforzaranse as iniciativas en liña de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor Carvalho Calero, tanto a través da súa páxina web principal como noutros sitios, como o Portal das Palabras.