CRTVG

Buscar

A RAG organiza medio cento de actividades para divulgar o legado de Xela Arias

Publicado o 23/03/2021 15:18

A Real Academia Galega organiza medio cento de actividades en liña e presenciais para homenaxear a poeta Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas deste 2021. O programa, presentado no IES Castelao de Vigo, inclúe propostas literarias, expositivas, deportivas, promocionais, escénicas e musicais.

A cidade olívica, onde a escritora desenvolveu a súa carreira literaria, será o escenario do acto principal que se vai desenvolver o 17 de maio. Porén, o obxectivo é que as actividades cheguen a todos os recunchos de Galicia.

Como novidade, segundo informou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, esta edición incorpora o videomapping, unha proxección de versos e imaxes da autora de Sarria en 25 edificios emblemáticos.

Román Rodríguez asegurou que o programa pretende poñer en valor o traballo intelectual de Xela Arias, que "rachou moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e innovadora". "Foi unha muller pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora", salientou.

Aposta pola modernidade

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega falou da poeta como unha encarnación daquelas "novas xeracións que nos anos 80 se incorporaron á festa do país e á súa reivindicación". Segundo Víctor Freixanes, "aquela que apostaba pola modernidade, por un paso cualitativo da identidade da lingua e da cultura galega". Por instaurar, en definitiva, o noso idioma no "discurso da creatividade no mundo e por dialogar con todo o que significaba a contemporaneidade no eido da creación, da fotografía, do activismo". Algo que, engadiu, xerou unha gran resposta social á elección da RAG.

Na listaxe de actividades previstas está a exposición itinerante Xela Arias. Asinamos ser libres, que chegará a dez concellos. Tamén se promoverá, da man do seu fillo, Darío Gil, unha mostra fotográfica con medio cento de imaxes titulada Tigres coma cabalos, inspirada na obra da autora.

Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día das Letras cunha exposición en que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora. Tamén se van organizar mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.