CRTVG

Buscar

A RAE lamenta o dano causado a Pardo Bazán e séntaa na súa cadeira 47

Publicado o 13/05/2021 21:37

Co gallo do centenario do seu falecemento, a Real Academia Española celebrou este xoves unha homenaxe á escritora galega Emilia Pardo Bazán. No acto, pedíuselle perdón por non incorporala á institución, xa que, segundo palabras do director da RAE, "mereceuno de sobra". De modo simbólico, Emilia Pardo Bazán pasará a ocupar a cadeira 47, un sillón reservado para "aqueles mellores ca os que estaban dentro e non tiveron a oportunidade".

A RAE lamentou este xoves o "dano" que fixo no seu día á escritora, xornalista e feminista Pardo Bazán, ao non permitirlle ser académica polo feito de ser muller, nun acto de homenaxe celebrada nesta institución na que a sentaron "na súa inexistente cadeira 47".

Un día despois de cumprirse o centenario da súa morte, o director da RAE Santiago Muñoz Machado recoñeceu que Pardo Bazán (A Coruña, 1851- Madrid, 1921) "sufriu moito" polo rexeitamento da Real Academia e indicou que, aínda que non se pode "emendar a historia", a escritora debería sentar na súa simbólica cadeira 47 (só hai 46 académicos de número).

Muñoz Machado leu no acto unha carta que Pardo Bazán dirixiu á RAE en marzo 1914, escrita da súa propia man, na que solicitaba o seu ingreso na institución. Na misiva explicaba os seus méritos literarios e institucionais, os libros que publicara e os cargos que ocupara. Unha forma "insólita", xa que os estatutos esixen que asinen a proposta de ingreso tres académicos de número, aínda que non foi unha "extravagancia" porque no século XIX permitíanse tamén as peticións individuais, lembrou o director da RAE.

Como contestación á carta, existe un documento que non está asinado, dixo Muñoz-Machado, no que se sinalaba que non se ía tramitar a petición porque non reunía as condicións obxectivas, é dicir, que non era un home.

Noticias web

13/05/2021