CRTVG

Buscar

A quinta vaga frea, pero seguen subindo os contaxios nalgunhas comunidades

Publicado o 01/08/2021 17:07

Esta quinta vaga non afectou igual todas as comunidades. Cataluña rexistrou os maiores datos de incidencia e de ingresos nas UCI de todo o país. Chegou a ser a zona con máis contaxios de toda Europa. Superou os 800.000 positivos, dos que máis de 3.000 acabaron no hospital. Esta fin de semana volveron subir as hospitalizacións, logo de tres días seguidos de descensos, pero os responsables de Saúde da Generalitat cren que a situación nos hospitais tende a estabilizarse. Nas ultimas 24 horas contabilzáronse 2.400 novos contaxios, pero a incidencia acumulada está por baixo dos 400 casos. Cataluña, como Cantabria, Valencia, Andalucía ou Navarra viven a terceira fin de semana con toque de queda.

En Madrid, que segue sen medidas restritivas, tamén se achegaron aos 800.000 contaxios. Este domingo notificou 1.500 casos, dos que 800 corresponden ás ultimas 24 horas. E a presión hospitalaria segue subindo.

Nas Baleares, en plena tempada turística, intentan dobregar a curva facendo un seguimento de todos os estranxeiros que se moven polas illas; mentres que nas Canarias e en Murcia xa comezaron a vacinar os rapaces a partir dos 12 anos. Neste mes de agosto que acaba de comezar, o Goberno ten como obxectivo que o 70 % da poboación estea vacinada.

 

Noticias web

01/08/2021