A quinta onda remite: Galicia e o conxunto de España baixan a risco medio
• Na comunidade a incidencia é de 143,76 casos, no conxunto do Estado cae a 140,43 cos mellores datos desde xullo

AXENCIAS
O Ministerio de Sanidade rexistrou este xoves, con datos achegados polas comunidades autónomas, 4.763 novos casos de coronavirus, dos que 2.090 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 2.311 rexistrados o mércores, o que eleva a 4.903.021 a cifra total de persoas contaxiadas de covid-19 desde o inicio da pandemia.
España baixa do risco medio de incidencia (por debaixo dos 150 casos nos últimos 14 días por cada 10.000 habitantes) con 140,43 casos, en comparación cos 150,37 notificados o mércores polo departamento dirixido por Carolina Darias. En Galicia a incidencia é de 143,76, tamén xa no risco medio.
Doutra banda notificáronse 71 falecidos máis, dos cales 270 rexistráronse na última semana. Isto fai que a cifra global de mortos por coronavirus en España se eleve ás 85.218 persoas.
Actualmente hai 5.115 pacientes ingresados por covid-19 en toda España, 229 menos que este mércores, e rexístranse 1.258 na UCI (55 menos), aínda que nas últimas 24 horas producíronse 442 ingresos e 585 altas.
A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 4,31 por cento e nas UCI no 13,73 por cento, en ambos os casos os datos melloran con respecto aos datos dados este mércores.