A queixería Macán de Lugo reclámalle máis de 6 millóns a Capsa por incumprimento de contrato
O xulgado do Mercantil número 2 de Lugo acolleu un xuízo por incumprimento de acordo comercial. A queixería taboadesa Casa Macán reclámalle á asturiana Corporación Alimentaria Peñasanta, Capsa, 6.600.000 euros polos danos e problemas ocasionados pola ruptura unilateral das relacións entre as dúas empresas. O acordo asinado en marzo de 2016 entre ambas as dúas partes consistía na posta en marcha dun proxecto de elaboración de diversos produtos lácteos para ser comercializados por Capsa, o que supuxo un importante investimento na ampliación da factoría de Taboada.
Eladio Rigueira, director xeral de Casa Macán: "De súpeto, un día deixan de estar, deixan de facer pedidos e desaparecen. O incumprimento é moi claro. Naquel momento, Casa Macán tiña 63 persoas traballando e agora mesmo somos 15. Iso dá idea da importancia que tiña o proxecto para o sur de Lugo e para Taboada".
Ante a imposibilidade de amortizar o investimento realizado, Casa Macán quedara sumida nunha grave crise económica e tivera que recorrer a un concurso de acredores. Pola súa parte, o director xeral da Corporación Alimentaria Peñasanta declarou que o acordo entre ambas as dúas empresas non era máis ca un contrato marco para un período de proba que non fora superado.