CRTVG

Buscar

A proximidade da lava obriga a desaloxar outros cinco barrios na Palma

Publicado o 21/10/2021 13:58

As coadas do volcán da Palma continúan o seu avance e a que atravesa A Laguna ameaza xa outros cinco barrios que foron evacuados. A lava, que nalgúns puntos chega a superar os 1.100 graos de temperatura, sepultou case 900 hectáreas da illa e destruíu máis de 2.000 edificacións. A coada que discorre máis ao noroeste do volcán de Cumbre Vieja avanza polo centro do barrio da Laguna, destruíndo todo o que encontra ao seu paso.

A proximidade da lava obrigou a evacuar outros cinco barrios, un dos Llanos de Aridane e catro de Tazacorte. Son medio cento de vivendas ocupadas por familias radicadas desde hai anos no lugar e que foron realoxadas temporalmente no pavillón municipal. "Que cando oísemos a sirena tiñamos que saír".

Para evitar no posible que se repita o ocorrido con Todoque, os veciños e os expertos agardan que as coadas continúen avanzando polo sur da montaña da Laguna. A lava cobre xa case 900 hectáreas da superficie da illa da Palma e as edificacións destruídas superan as 2.100, máis de 200 só nas últimas 48 horas.

Noticias web

21/10/2021