CRTVG

Buscar

A audiencia previa ao xuízo pola propiedade de Meirás será en xaneiro

Publicado o 26/09/2019 18:02
A audiencia previa ao xuízo pola propiedade de Meirás será en xaneiro

A letrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña convocou para o 31 de xaneiro de 2020 a audiencia previa ao xuízo derivado do proceso iniciado polo Estado no mes de xullo para reclamarlle á familia Franco a propiedade do Pazo de Meirás.

A letrada apunta nun auto difundido este xoves, que a audiencia ten como primeiro obxectivo "tentar alcanzar un acordo ou transacción entre as partes", ademais de examinar "as cuestións procesuais" que poidan impedir o seguimento do proceso e fixar "con precisión" o obxecto do preito.

Tamén informa as partes da posibilidade de recorrer a unha negociación para tentar solucionar o conflito, "incluído o recurso a unha mediación". Nese caso, deberán informar na mencionada audiencia da súa decisión, explicando as súas razóns. O prazo para presentar recurso de reposición contra a resolución é de cinco días.