A produción industrial caeu en Galicia un 8,6 por cento a causa da pandemia
• A caída media en España elévase ao 9,1 %, a maior en 11 anos
• Só medrou a produción da industria farmacéutica

A produción industrial afundiuse un 8,6 por cento no ano 2020 en Galicia afectada polas restricións vinculadas á pandemia, segundo o datos proporcionados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A caída da produción industrial na comunidade galega foi o ano pasado medio punto menos que o descenso da media nacional, que rexistrou un -9,1 por cento e marcou a maior caída en once anos.
Por comunidades autónomas, a maior caída contabilizouse nas Baleares (20,9 %), seguida por Euskadi (14,1 %), Asturias (13,9 %), Andalucía (11,8 %), A Rioxa (11,8 %), Navarra (11,2 %) e as Canarias (10,2 %).
Por sectores económicos, as maiores caídas de actividade experimentáronas os bens de equipo (15,4 %) e os bens de consumo duradeiro (13,5 %), mentres que as baixadas foron menores nos bens intermedios (7,8 %), os de consumo non duradeiro (6,5 %) e a enerxía (6,2 %).
Unha vez corrixidos os efectos estacionais e de calendario, a produción industrial diminuíu en 2020 un 9,4 %, con descensos pronunciados durante o confinamento domiciliario, cuxa intensidade foi moderándose por sectores nos meses seguintes.
Así, no período inicial (marzo, abril, maio e xuño) os maiores descensos rexistráronse nos sectores dos bens de consumo duradeiro e de equipo, mentres que a contracción foi menos intensa para os de consumo non duradeiro e enerxía.
Coa desescalada e a chegada da nova normalidade produciuse unha recuperación xeneralizada, aínda que tamén desigual nos diferentes sectores, xa que foi máis intensa nos bens de consumo duradeiro e de equipo, e máis suave nos de consumo non duradeiro e a enerxía.
O sector de bens intermedios é o único que alcanzou e superou no último trimestre de 2020 o nivel do ano 2019.
Por ramas de actividade, en 2020 só aumentou a súa produción a fabricación de produtos farmacéuticos (2,1 %), e as maiores caídas experimentáronas a industria do coiro e calzado (28,2 %) e a confección de pezas de vestir (26,5 %).
Tamén rexistraron baixadas pronunciadas a fabricación de vehículos de motor e doutro material de transporte (18,4 %, cada unha) e as artes gráficas e reprodución de soportes gravados (18 %).