CRTVG

Buscar

A proba diagnóstica, un mal menor fronte ao peche da hostalería

Publicado o 21/07/2021 19:43

Podía ser un peche perimetral do concello ou, cando menos, a obriga de baixar a reixa de bares e restaurantes. Por iso, entre os hostaleiros dos 7 concellos en nivel máximo e os 29 en nivel alto de restricións, moitos preferían ver hoxe o vaso medio cheo. "Dentro do malo, déixannos abertos un 30% dentro, pensamos que ía ser peor", conta unha hostaleira de Sanxenxo.

A cambio desa proba diagnóstica, poderán seguir aproveitando os interiores, todo un balón de osíxeno nun lugar cun clima como o galego, e sobre todo, con máis do 60% da poboación xa vacinada. Este camareiro veo "ben, porque a maior parte dos clientes ou pasou a COVID ou teñen a vacinación completa, e así polo menos podemos usar un pouquiño máis o comedor".

Os disconformes coa medida argumentan o encordio que lles vai supoñer como a Olivia Ojea, hostaleira, que "o vexo un pouco complicado porque nós servimos café. Imaxino un pouco complicado pedirlle á xente documentación". Quéixanse tamén por teren que sumar unha tarefa máis ás moitas que xa asumen para garantir a seguridade dos seus locais.

Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Casco Vello Vigo Hostalería e Comercio, explica que "teremos que pedir tamén, á parte do certificado, o DNI da persoa porque teremos que saber que non é falso o que nos están ensinando. Confiamos na boa vontade dos clientes, pero tampouco somos policías".

Para quen non hai novidade é para os locais nocturnos deses 36 concellos, que seguirán pechados.
 

Noticias web

21/07/2021