Á prisión dous dos detidos na última redada antidroga no Vao
O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra decretou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para dous dos seis detidos na última operación contra o tráfico de drogas no poboado chabolista do Vao, en Poio. Outros dous detidos quedaron en liberdade tras declararen no xulgado, e unha terceira persoa xa quedara libre onte despois de prestar declaración na comandancia da Garda Civil.
Todos eles están investigados por un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas. O sexto arrestado nesta operación, que foi detido este xoves, acudirá á sede xudicial nas próximas horas, segundo indicaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra decretou o segredo sobre esta operación denominada "Desfiladeiro", que se desenvolveu no Vao onte mércores.
Ademais das detencións, os axentes da Garda Civil incautáronse de 321 doses de cocaína, 4 doses de heroína, 900 euros en metálico, nove teléfonos móbiles e diversas xoias.