CRTVG

Buscar

A princesa Leonor inicia os seus estudos nun internado de Gales

Publicado o 30/08/2021 16:21

A Casa Real facilitou varias fotografías da despedida da filla maior dos reis no aeroporto de Baraxas antes de marchar cara ao Reino Unido. Cunha maleta de tamaño medio e unha mochila, Leonor bicou e abrazou os seus pais e a súa irmá Sofía, da que se separa por primeira vez.

Hoxe comeza o curso no Atlantic College de Gales, onde a princesa de Asturias compartirá cuarto con outras tres estudantes. A herdeira da coroa inicia así o bacharelato internacional, con clases de oito da mañá á unha do mediodía, e tardes e fins de semana dedicadas a deportes, actividades de voluntariado e medio ambiente.

O centro, pertecente á institución Colexios do Mundo Unido, levántase arredor dun castelo do século XII preto de Cardiff, nun campus de 30 hectáreas. Coa princesa de Asturias comparten clases estudantes de diferentes nacionalidades e confesións, entre eles a filla mediana dos reis dos Países Baixos. Os 75.000 euros que custa o bacharelato nesta institución será asumidos polos reis coa súa asignación.

Dous meses antes de facer os 16 anos, Leonor abandona por primeira vez o fogar familiar, pero a herdeira da coroa compaxinará os seus estudos cos compromisos institucionais da súa axenda, como as entregas de premios das fundacións que levan o seu nome, ou os actos do 12 de Outubro.

Noticias web

30/08/2021