CRTVG

Buscar

A princesa Haya fuxiu de Dubai envolta no misterio

Publicado o 02/07/2019 21:57

De sempre en Ascot chaman a atención as presenzas. Pero tamén as ausencias.

Finais de xuño. Na cita deste ano faltou unha incondicional, a princesa Haya. O seu home, o emir de Dubai, exhibía unha complicidade solitaria coa raíña.

Complicidade que ata agora compartía tamén coa princesa. Té habitual coa Súa Maxestade e conto de fadas que comezou en Xerez da Fronteira en 2002, por suposto en ambiente hípico. A princesa Haya convertíase na sexta esposa do emir, na máis nova, na favorita.

Educada en Oxford, deportista olímpica, retrátase na súa páxina como fervorosa activista polos dereitos humanos. Cun estilo de vida máis moderno ca o do resto das mulleres da realeza dos Emiratos Árabes Unidos, sempre se negou a cubrir o rostro.

Conta The Guardian que a princesa conseguiu fuxir misteriosamente de Dubai cos seus dous fillos e trinta e cinco millóns na maleta. Xa solicitou a un tribunal de Londres que lle tramite o divorcio, segundo asegura o diario.

O emir, 4.000 millóns de fortuna, declárase líder, pai, poeta e cabaleiro. Algo que negou o pasado ano unha dos trinta fillos e fillas. Latifa divulgou un vídeo acusando de maldade o seu pai. Ela conseguira fuxir de Dubai, pero pronto a trouxeron de volta.

Agora parece no aire o destino da princesa Haya, que en febreiro colgou un último chío volvendo declarar o seu amor polo seu pai, o falecido Husein de Xordania. E no fondo do Twitter da princesa, unhas plumas que evocan ese desexo de voar lonxe de todo cárcere de ouro.
 

Noticias web

02/07/2019