CRTVG

Buscar

A previsión de ocupación hoteleira en Galicia para a ponte do Pilar supera o 80 %

Publicado o 07/10/2021 15:25

Galicia rexistrará cifras de ocupación de entre o 80 e o 90 por cento na ponte do Pilar, sobre todo en establecementos das Rías Baixas, onde algúns xa colgaron o cartel de completo. Varios factores inflúen nestas boas perspectivas: o primeiro, o bo tempo, con sol e calor que se prevé que se manteñan ata boa parte da semana que vén. Ademais o turismo nacional elixe Galicia tradicionalmente nestas datas e o propio turismo interior estase movendo bastante grazas ao auxe do bono turístico.

As previsións do sector nas Rías Baixas son inmellorables. Aproximadamente un 30 por cento da oferta hoteleira desta zona está pechada, pero os aloxamentos que están abertos no Salnés prevén facer o agosto en pleno outubro. A combinación entre as datas festivas, o bo tempo e as ganas de facer turismo animan esta ponte con visitantes que están a só tres ou catro horas en coche de Galicia. Cesáreo Pardal, presidente do Clúster do Turismo de Galicia, explica que sobre todo proceden de Asturias, Cantabria, Castela e León ou Madrid.

A iso súmanse as reservas dos propios galegos, animadas polos descontos do bono turístico acordados entre a Administración e o propio sector hoteleiro. O troco destes bonos pode realizarse ata o vindeiro 13 de decembro.

Noticias web

07/10/2021