A presión veciñal consegue botar ocupantes ilegais do barrio das Gándaras
Os que teñen boas noticias que contar son os veciños das Gándaras. Mobilizáronse contra os okupas e parece que acabaron gañando.
Os veciños deste barrio lugués das Gándaras din que por fin poden respirar tranquilos. Levaban case dous anos sufrindo na zona ocupacións ilegais e vendo como nalgúns casos mesmo había quen lles prendía lume ás casas cando marchaban delas. A situación complicouse hai algo máis dun mes, cando os veciños conseguiron parar a ocupación dunha nova casa e comezaron entón unha intensa mobilización veciñal que deu agora os resultados que agardaban. Marcharon da zona os ocupantes de dúas vivendas e, malia que deixaron ao seu paso importantes danos materiais, os veciños din que agora quedan tranquilos, dado que mesmo se avisaban entre eles para vixiar as casas.
Agora é Margarita a que sae recibirnos nesta vivenda do barrio lugués das Gándaras. Fora a mediados de xaneiro cando unha familia de ocupantes ilegais se instalou aquí e dende entón non puido volver á casa do seu primo. Agora, aínda que temerosa por medo a que poidan volver ou a sufrir represalias, amósase contenta por recuperar o que era seu grazas ao movemento veciñal da zona e neste caso tamén á mediación dunha empresa.
Con todo, a súa volta á casa tamén estivo marcada pola desolación, despois de ver como quedaron moitas das cousas que tiña. Os ocupantes ilegais botaron fóra mobles, que quedaron estragados pola choiva, levaron un televisor e unha vaixela e, con todo, deixaron aquí unha impresora e comida.
Ademais, marchou tamén do barrio a familia que vivía nesta outra casa da zona. Inicialmente, chegaran como inquilinos, pero agora debían xa catro meses de renda. Os veciños consideraban que esta era a casa en que comezaron todos os problemas e que os seus ocupantes foron traendo para o barrio outros familiares e amigos. Agora, os veciños do barrio amósanse contentos e tranquilos despois de meses en alerta e en que mesmo se organizaban entre eles para vixiar as casas cando alguén faltaba.
Agora, no barrio das Gándaras só queda ocupada esta casa de planta baixa. Con todo, os veciños cren que non vive ninguén aquí, senón que é utilizada a modo de almacén e suspenden as mobilización veciñais que tan bo resultado lles deron.