CRTVG

Buscar

A presión sobre as UCI aumentou un 70 % na última semana

Publicado o 20/01/2021 14:17

Galicia superou hoxe os 130 ingresados en UCI e a presión sobre as unidades de críticos segue medrando. De feito, por cada dez pacientes ingresados a semana pasada hai hoxe dezasete. Un incremento do 70 por cento, explosivo e alarmante, pero que, polo momento, non compromete a capacidade do sistema.

Segundo os datos da Consellería de Sanidade e do Ministerio, estariamos agora no 15 % da capacidade total de ocupación nas UCI que prevé o plan de continxencia. Agora ben, xa se están dando problemas puntuais de ocupación nalgunhas unidades concretas, problemas que están obrigando ao traslado de pacientes entre hospitais e tamén a habilitar novos espazos. Problemas que poderían estenderse e agravarse de continuar a actual tendencia nos contaxios.

A tensión medra en derterminadas unidades de críticos, tras dez meses de presión continuada pola delicada atención que requiren os pacientes de covid, afectados de disnea severa, e que non osixenan ben.

"Hai que sedalos, poñer o tubo na tráquea e conectalos ao respirador. Se non é suficiente con esa medida, hai que poñelos boca abaixo, que está demostrado que osixenan mellor".

Os profesionais das UCI especialistas neste tipo de manobras están sorprendidos porque os pacientes son cada vez máis novos. Os números globais son aínda relativamente bos, pero iso non quita que estean xa a comezar os apuros puntuais en derterminadas unidades e hospitais, xa a piques de saturarse.

David Freire, xefe de servizo da Unidade de Coidados Intensivos do CHUAC: "As dúas unidades exclusivamemte para pacientes covid xa as temos cheas, en total temos 31 pacientes; e está habilitada a unidade de reanimación da quinta planta, que está empezando a admitir enfermos de covid".

Apertura de novas unidades, habilitación de novos espazos. O plan de contixencia prevé ilos habilitando a medida que vaian sendo necesarios. A capacidade de ampliación aínda pode medrar un 85 %, pero os profesionais avisan de que hai un límite. 

"Os pacientes covid críticos adoitan ter estancias longas, dun promedio de catro semanas". Explican así o risco do efecto acumulación, porque nas UCI covid hai moitas menos altas que ingresos nun momento nos que a curva da pandemia segue a tendencia ascendente.

Noticias web

20/01/2021