Galicia confirma unha morte máis pola covid-19 nun día en que baixou a presión hospitalaria
• Non había tan poucos pacientes en UCI dende o 31 de agosto
• Hai oito casos activos máis
• A área sanitaria de Vigo supera a da Coruña como a máis afectada polo coronavirus

Esta tarde o Sergas confirmou a morte dunha muller de 77 anos con covid-19, que se produciu o xoves no CHUS. A vítima tiña patoloxías previas. Esta morte eleva a 2.368 os falecementos pola pandemia en Galicia.
Como nas últimas semanas, a situación epidemiolóxica en meseta segue deixando lixeiras oscilacións diarias nos datos. Hoxe o Sergas informa de 2.193 casos activos (+8), tras 146 novos positivos, 122 deles detectados a través dunha proba PCR.
Por áreas sanitarias, o resultado é o seguinte:
Vigo: 603 (+3)
A Coruña: 598 (-18)
Santiago: 331 (+13)
Pontevedra: 289 (+6)
Ourense: 149 (+9)
Lugo: 148 (+6)
Ferrol: 75 (-11)
Redúcese a presión asistencial
Continúan na súa tendencia á baixa os datos referidos ás hospitalizacións. Hai en total 167 persoas ingresadas en Galicia por covid-19, a cifra máis baixa dende o primeiro de setembro. Delas 141 están en planta (-4), o mellor dato dende o 31 de agosto, e 26 (-2) permanecen nas UCI.
O Sergas notificou onte catro pasamentos por mor da doenza. Con estes falecidos van 2.367 vítimas do coronavirus dende que comezou a pandemia.
Baixa positividade
Coma no último mes e medio, a positividade permance en valores mínimos, sen exceder nunca o limiar máximo recomendado pola OMS do 5 % para dar por controlada a pandemia. Así, das 6.900 probas PCR realizadas (-115), deron positivo 122 (+24), o que implica unha taxa de positividade do 1,77 %.
Mapas de incidencia por concellos