A preocupación pola nova variante obriga o Reino Unido a tomar medidas máis duras
Inglaterra e Escocia volven estar confinadas e coas escolas pechadas para conter a imparable expansión da nova variante do coronavirus dende a pasada medianoite. Os malos datos epidemiolóxicos, peores que na primeira vaga, e o temor á expansión da nova variante xurdida neste país levaron o Goberno británico a tomar esta decisión.
Con este confinamento total tamén se quere evitar a saturación dos hospitais británicos, que soportan a maior presión dende o inicio da pandemia.
Esta semana, o Reino Unido volveu bater o récord de contaxios, máis da metade atribuídos á nova variante do virus descuberto no país o mes pasado.
Os índice de contaxios tamén é un 40 por cento maior que durante a primeira onda. Na súa comparecencia televisiva para anunciar a volta ao confinamento, o primeiro ministro británico Boris Johnson mostrouse moi preocupado pola expansión da nova variante do virus, que é entre un 50 e un 70 por cento máis contaxiosa.
Restricións que non son novas
O Goberno do Reino Unido estende o confinamento a toda Inglaterra e limita os movementos da poboación ao mínimo necesario. É terceira vez desde o inicio da pandemia que as autoridades recorren a esta medida, que xa estaba vixente en Londres, no suroeste inglés e País de Gales.
Os centros educativos permanecerán pechados para a maoría dos alumnos, agás os fillos dos traballadores esenciais, e pídese que todo o que poida traballe desde a casa.
Pilla no medio deste lockdown a moitos e moitas galegas, entre elas María Laranga, residente Londres, quen explica que "os movementos estarían restrixidos actividades esenciais: supermercados, farmacias, médicos eunha hora de exercicio en solitarios".
A medidas non sorprende a boa parte da cidadanía. "Si, creo que é a decisión correcta. Os hospitais están cheos, asi que estamos nunha posición similar á do primeiro confinamento", comenta unha británica. Para algunhas persoas é o resultado da irresponsabilidade dalgúns: "Lamentablemente vivimos nun mundo en que non todos queren cumprir as regras", comenta un home.
Escocia tamén pecha
Restricións semellantes aprobáronse en Escocia, onde a primeira ministra, Nicola Sturgeon, dixo estar máis preocupada pola situación ca o estaba no mes de marzo.