CRTVG

Buscar

A praza de abastos de Pontevedra presenta o seu novo gastromercado

Publicado o 26/08/2019 20:57

Desde polboteca a pescadoteca. Son só algúns dos exemplos gastronómicos que acolle o novo gastroespazo situado no primeiro andar da praza de abastos de Pontevedra. O seu obxectivo é claro, potenciar o produto galego cunha ampla oferta e variedade.

Tradición e innovación, sempre co selo de calidade do produto galego. Esta é a esencia do gastromercado de Pontevedra, que xa está en pleno funcionamento. Un novo espazo gastronómico na primeira planta da praza de abastos da cidade conformado por 14 establecementos.

Marta, posto A Fervella: "A idea é esa, que uns non pisen os outros. Cada un ofrece unha cousa diferente e cada un vai comer o que realmente quere, pois os rapaces ao mellor queren unha hamburguesa, pero a avoa quere unha sopa e a nai uns callos, e o meu posto é iso".

Unha forma de revitalizar e darlle vida a este mercado de abastos, cunha oferta gastronómica que mestura a produción local, ecolóxica e gourmet.

Andrés Lago, posto Na Pola: "Non esperaba que a xente tivese tantas ganas de vir coñecer como funcionamos".

Leticia Fuentes, bar A Praza: "É unha forma de revitalizar o mercado e que a xente nova veña mercar".

Hai outros espazos para poder regar os bocados que ofrecen, desde vermuterías ata viñotecas. Un gastroespazo que aspira a ser un referente en toda Galicia.

Noticias web

26/08/2019