CRTVG

Buscar

A positividade cae un 88 por cento en Galicia nas persoas vacinadas coa pauta completa

Publicado o 20/04/2021 15:21

A taxa de positividade caeu en Galicia un 88,4 por cento entre aquelas persoas que recibiron a pauta completa da vacina contra a covid-19. O descenso nos contaxios tamén se produce entre aqueles que só recibiron unha dose, un 47,2 por cento, polo que parece demostrarse que xa coa primeira picada se comeza a xerar inmunidade.

A Xunta de Galicia realizou un estudo sobre a efectividade e o impacto da vacina fronte á covid, como parte do proceso do Plan de Vacinación fronte ao coronavirus. Segundo informa o Sergas, os datos analizados abranguen a persoas que a día 27 de decembro, data en que se iniciou o proceso de vacinación, non tiveran ningunha proba diagnóstica positiva.

O seguimento dos datos son ata o día 17 de marzo de 2021, considerándose 936.425 resultados de probas diagnósticas e logo de administrarse 349.848 doses vacinais (11.194 de Moderna, 73.666 de AstraZeneca e 264.988 de Pfizer), e recibindo 250.226 persoas, polo menos, a primeira dose, e 99.622 persoas a pauta completa.

Os resultados do estudo do Sergas reflicten que, nas persoas cunha única dose, o descenso da taxa de positividade resulta do 47,2 %. Este descenso é moito máis acentuado nas persoas que recibiron unha pauta vacinal completa, cun descenso global do 88,4 %.

A obtención de datos da efectividade do proceso de vacinación, asgura o Sergas, resulta esencial para establecer as estratexias do control global da enfermidade e realizar axustes das políticas de vacinación. En base aos datos obtidos, a Xunta de Galicia estima conveniente seguir co intervalo actual de vacinación aos maiores de 70 anos.

40.000 doses nun día

A chegada a Galicia dunha nova tanda de vacinas de Pfizer permitiu que hoxe se iniciara unha nova xornada de vacinación masiva en que está previsto inmunizar 40.000 persoas ao longo do día. A maioría dos convocados son galegos de entre 70 e 79 anos e maiores de 80 que están a recibir xa a segunda dose.

Esta chegada inicia o proceso de inmunización da franxa de maior idade. Os maiores de 80 acodían hoxe cheos de ilusión a recibir a segunda dose do que para eles é unha pequena luz ao final do túnel. 

Tanto os que xa recibiron algunha picada da vacina como os sanitarios animan a todo o mundo a que acuda a recibir a súa dose cando sexa citado.