A ponte festiva arranca cunha ocupación hoteleira propia da tempada de verán
Ponte festiva, tempo case de verán e ganas de recuperar as viaxes perdidas o ano pasado. Esa combinación fai que Galicia arranque o outono cunha ocupación hoteleira propia dos meses estivais. Iso notámolo, por exemplo, no ambiente que se vive nas rúas compostelás.
Se Santiago de Compostela ten xa dabondo co seu patrimonio para espertar o interese dos viaxeiros, nesta ocasión alíanse ademais outros ingredientes: Ano Santo, ponte festiva, bo tempo e menos restricións pola mellora da pandemia.
"Estivemos bastante tempo pechados, era necesario e agora, aínda que hai que ter coidado, tamén saír, facer vida social e axudar os restaurantes, que é preciso que saian adiante", di unha visitante.
Entre os peregrinos e turistas que enchen a zona vella da capital moitos dinnos que esta escapada xa se lles vai parecendo máis ás de antes da covid. "Simplemente poñer a máscara e procurar ter separación, si, estamos camiño da normalidade", asegura unha peregrina. "Perfecto, sentímonos moi seguros aquí en Galicia", comenta un turista.
Predominan os visitantes nacionais, pero tamén atopamos grupos chegados doutras latitudes. "Do Uruguai. Veño con catorce rapazas. Elas, en bici e eu, en coche", explica unha muller. "Somos un grupo mixto, seis españois e catro alemáns", conta outro visitante.
Case todos os que nos falan son repetidores. Algúns mesmo adoitan vir todos os anos. "A xente é moi amable cando imos polos camiños, todo o mundo nos acolle e todo é moi bonito: a paisaxe, todo verde, o mar - que agora viñemos pola costa-, precioso", resume unha muller que vén cada vez por unha ruta distinta.