A ponte da Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural

A ponte da Ponte Maceira foi inscrita oficialmente polo Xunta como Ben de Interese Cultural, a petición dos concellos de Ames e Negreira.
A inscrición desta ponte de orixe medieval, aínda que reconstruída no século XVIII, na lista do patrimonio cultural de Galicia xa está publicada no BOE.
A ponte está nunha das rutas de comunicación con Santiago de Compostela e foi un "punto central de acontecementos de relevancia histórica", entre os que destacan as loitas polo poder na Igrexa entre os Fonseca e os Conde de Traba, xa que "neste lugar lindaban as fronteiras dos seus territorios", segundo a documentación achegada.
A resolución do 14 de maio de 2020 da Direción Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, publicada no DOGA o pasado 25 de maio esgrimía os seguintes argumentos para declarar a ponte como BIC:
"O día 16 de novembro de 2017, os concellos de Ames e Negreira solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que declarase a ponte da Ponte Maceira Ben de Interese Cultural. Para iso achegaron unha documentación elaborada para os efectos por Alfredo Varela Nogueira e Iván Cernadas Villar, na cal describen a ponte e o conxunto da súa contorno para xustificar o seu valor sobranceiro.
A ponte da Ponte Maceira é de feitura medieval, refeita durante o século XVIII, esencial nas rutas de comunicación entre Santiago e as terras occidentais. Algúns autores describen unha orixe romana da ponte, que é, en calquera caso, un punto central de acontecementos de relevancia histórica, como as loitas entre o poder eclesiástico dos Fonseca e os Condes de Traba, xa que neste lugar lindaban as fronteiras dos seus territorios.
A súa fábrica e dimensións destacan no ámbito das pontes medievais de Galicia, tanto pola súa lonxitude como polo equilibrio das súas formas, cun amplo arco apuntado central e dous arcos de medio punto a cada lado. Así mesmo, o lugar da Ponte Maceira, a cada un dos lados da ponte, mantén unhas condicións de conservación e de variedade de construcións residencias e adxectivas tradicionais, con catro muíños, catro pombais e máis de vinte hórreos tradicionais en bo estado de conservación, que resultan destacables.
A ponte da Ponte Maceira na actualidade é un fito singular da paisaxe, que centraliza todo un conxunto de valor cultural e que é o paso dunha vía histórica e do propio territorio do Camiño de Santiago, que posúe en amplo recoñecemento social polos seus valores culturais.
Despois da súa análise e da valoración das diferentes alternativas, estimouse necesario considerar a oportunidade de iniciar o estudo do territorio no contexto da delimitación do Camiño de Fisterra e Muxía, ruta principal dos Camiños de Santiago recoñecida na LPCG.
Alén desta primeira análise, e despois do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, concluíuse que a documentación existente sobre a ponte da Ponte Maceira, as características da súa contorna e os inmobles existentes, xustifican a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural do monumento, sen prexuízo de que o futuro expediente de delimitación da ruta dos Camiños de Santiago poida complementar o alcance e condicións da protección.
Á vista do anterior e por petición motivada dos concellos de Ames e Negreira, exercendo as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e tendo en conta o artigo 27 do Estatuto de autonomía, e as que corresponden á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural segundo o establecido no artigo 11 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, e no artigo 16 e seguintes da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia." (DOGA do 25/05/20)