CRTVG

Buscar

A política migratoria eclipsa as negociacións do 'brexit' no cumio de Salzburgo

Publicado o 20/09/2018 08:06

O presidente do Goberno está en Austria, onde asiste ao cumio da Unión Europea. Alí ten previsto dar unha conferencia de prensa. Estaremos atentos ao que di. En Salzburgo, os xefes de estado e de goberno da Unión Europea repasan hoxe as últimas propostas feitas pola primeira ministra británica para a saída de Londres do club comunitario. Falan tamén os 27, de novo, de política migratoria.

Desde Bruxelas están moi atentos aos posibles avances que poidan acordar ao longo da xornada os líderes comunitarios, que continúan celebrando cumio informal en Austria. O tema das negociacións para a saída do Reino Unido da Unión segue atascada. En seis meses Londres debería estar fóra do club comunitario, pero nin a Unión nin o Reino Unido están dispostos a ceder para lograr o consenso, que é complicado. Difícil é tamén chegar a consensos no tema da crise migratoria.

O presidente do Consello non se cansa de pedirlles aos socios europeos que deixen de facer política coa inmigración, nunha clara alusión a Italia, entre outros. Donal Tusk urxe aos 28 a que deixen a un lado as discrepancias e busquen o consenso para resolver canto antes o problema da migración irregular na Unión Europea.

 

Noticias web

20/09/2018