CRTVG

Buscar

A policía revisa un caderno que Rosario Porto usaba na prisión

Publicado o 19/11/2020 14:43

Volve a expectación ao chalé de Montouto onde hai 7 anos se consumou o crime de Asunta. Un dos lugares de referencia deste tráxico suceso que acaba de dar un xiro máis co aparente suicidio da autora do crime, pendentes aínda dos resultados da autopsia.

"O que fixo agora era de supoñer. Facer semellante cousa, agora ve o mal que fixo e arrepíntese. A pena, o remordemento...", reflexiona unha veciña.

A Policía Nacional de Ávila púxose á fronte da investigación, para descartar indicios de criminalidade. Rosario Porto, de 51 anos, apareceu colgada na súa cela do cárcere de Brieva. Deixou o espazo recollido. Entre os seus enseres, un caderno con anotacións que será un dos obxectos a analizar por parte dos investigadores.

Tamén interrogan as súas compañeiras de prisión, aquelas coas que tiña unha relación máis próxima, por se puidesen aportar datos sobre o seu estado. Só trascendeu que actualmente non se lle estaba aplicando o protocolo de prevención de suicidios ao que estivera sometida noutras ocasións, tanto no cárcere de Teixeiro como na Lama, onde tivera outros dous intentos de acabar coa súa vida.

No outro escenario da traxedia, a pista forestal onde abandonaron o cadáver de Asunta, unha postal anónima lémbranos que este ano cumpriría 20.

"Estaría deprimida, non sei, é complicado. Pero Asunta é o que máis pena me dá". "Dalgunha maneira é xustiza divina. Todos os que temos fillos, supoño que, basicamente, é o que pensamos", din dúas veciñas de Teo.

En Teixeiro segue cumprindo condena o outro autor do crime. Alfonso Basterra, condenado tamén a 18 anos de prisión, rompeu a chorar cando lle comunicaron o suicidio da súa exmuller. Puxérono baixo vixilancia dun preso sombra para evitar que faga o mesmo que Rosario. Nin un nin o outro confesaron nunca o crime nin, por tanto, os seus motivos.

Noticias web

19/11/2020