CRTVG

Buscar

A policía reforzará a vixilancia tras as aglomeracións rexistradas nas terrazas

Publicado o 12/05/2020 19:58

O delegado do Goberno envía unha carta aos alcaldes para que os axentes locais fagan cumprir as normas da desescalada | Os concellos din que os incidentes foron illados, pero apelan á responsabilidade da cidadania e do sector

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apelou este martes á "sensatez" e á  "responsabilidade" da poboación galega para garantir o éxito na primeira fase de desescalada das medidas reestritivas de movemento e confinamento contra a propagación do coronavirus.

Nun vídeo difundido nas redeis sociais, Losada convida a poboación galega a cumprir as normas de seguridade esixidas e recomendadas polo Executivo, tales como usar máscaras e manter distancia física en lugares públicos, para evitar unha nova vaga de contaxios da epidemia.

"É o momento de ir amodo para avanzar con máis rapidez", apunta Losada, quen lles pediu aos axentes policiais extremar a vixilancia. O delegado do Goberno afirma contactar cos alcaldes de Galicia pedindo tamén que as policías locais participen no cumprimento desas normas.

"É un momento moi importante en que recuperamos espazos", indica Losada en alusión ao levantamento dalgunhas restricións á mobilidade das persoas e a apertura de negocios. Por iso, convida a poboación para actuar "de forma segura" e a tomar medidas de precaución con responsabilidade e "sentido común".

Incidencias puntuais nas terrazas

A apertura das terrazas nos locais de hostalaría produciuse, en xeral, en Galicia nun contexto de normalidade, aínda que con algunhas incidencias puntuais nalgúns municipios, segundo aseguraron desde distintos concellos consultados.  

Así, en Vigo, o alcalde, Abel Caballero, informou este martes da intervención da Policía Local nunha cafetaría que non respectou a capacidade dunha terraza interior.

No primeiro día de terraceo en Santiago a policía local inspeccionou sesenta locais que presuntamente incumprían as restricións da fase un. De non respectarse as distancias entre mesas na zona nova, a instalar máis do permitido no casco vello. Polo de agora non se impuxeron sancións. As multas poden chegar aos seis mil euros.

En Ferrol, a Policía Local denunciou, sobre a unha da madrugada, ao propietario dun local e a cinco clientes que se atopaban no mesmo por incumprir o estado de alarma. "Estaban a consumir bebidas, carecían de medidas de protección individual e non gardaban a distancia mínima de seguridade", expuxeron desde o Consistorio. Aos axentes, o dono do local aseguroulles que se trataba do seu domicilio e que era unha reunión  de amigos, pero os policías confirmaron que non había vivenda e que as consumicións se preparaban na barra do bar.  

En Ourense, houbo tamén varios incumprimentos. "Un por falta de respecto á autoridade con graves insultos e doce chamadas de denuncias de veciños", expuxeron. A iso, sumou o feito de que algúns hostaleiros "colocaron sen licenza ou autorización terrazas". No caso dos comercios, indicaron que se detectou que un salón de peiteado tiña "catro persoas dentro e só pode haber unha por empregado".  

"Houbo uns poucos que embazaron o bo facer do resto", aseguraron desde o Concello da Coruña, no que precisaron que xa houbo "algunha sanción". Pero, incidiron, como outros municipios consultados, onde se fixo, sobre todo, "un traballo enorme de aplicación da nova instrución". "E a maioría cumpriron", apostilaron desde A Coruña a pesar de existir algún local onde se vía nas terrazas a xente sen cumprir as medidas de distanciamento.

Dous locais de hostalaría da Coruña, situados na praza de Vigo, decidiron pechar a pesar de abrir o luns as súas terrazas na fase 1 da desescalada. Fano, segundo informa a dirección de Cafeterías Herculinas, ante a "actitude irresponsable dunha minoría". 

Desde este concello, como desde outros, se insistiu na importancia de non "relaxarse" nesta fase de desescalada, apelando tanto á cidadanía como a este sector e lembrando as normas establecidas polo Goberno e fixadas, á súa vez, polos consistorios.   

A Asociación de Hostaleiros lembran a obriga de cumprir coa normativa

Este luns iniciamos a fase un da desescalada e foi o primeiro día da reapertura das terrazas. A Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña fai balance, afirma que a maioría dos bares e cafeterías cumpriron coa a normativa da distancia social. Porén, denuncia o comportamento dalgúns locais que podería, din, prexudicar a todos. Con todo apuntan a que a ganas de sair e o bo tempo contribuiron a aglomeración de xente.

 "Aínda que as mesas estaban á distancia de dous metros, pois a distancia social reduciuse. Había moita aglomeración de xente e non pode seguir sendo nesa liña, por iso sacamos eses comunicado pedíndolles aos hostaleiros que reduzan o número de mesas", di Héctor Cañete.

A asociación de hostaleiros mantivo unha xuntanza co concello nas últimas horas. Desde o consistorio advertíronlle que incrementarán a vixilancia e que o que pasou onte non se pode repetir. Tras máis de dous meses pechados e con ERTE sería moi grave, afirman, ter que volver atrás.

"Porque estamos nunha situación de emerxencia sanitaria, saíndo dunha situación en que houbo 26.500 mortos e que non se pode esquecer e relaxarnos tan cedo. Aqueles hostaleiros que incumpran, pois efectivamente a partir de hoxe serán sancionados, com así o falamos co Concello", anuncia Héctor Cañete.

Segundo os datos da asociación, só o 15 por cento da hostalaría de Galicia abriu neste primeiro día, o resto farao a partir do 26 de maio cando xa se permitan as consumicións no interior.

Noticias web

12/05/2020