CRTVG

Buscar

A Policía nega que haxa detidos pola malleira mortal a Samuel na Coruña

Publicado o 05/07/2021 12:48

A Policía Nacional a través da súa conta en Twitter negou este luns que haxa detidos en relación á malleira mortal que acabou coa vida de Samuel, un mozo de 24 anos, veciño de Culleredo, que foi asasinado na madrugada do venres ao Sábado na Coruña.

A Policía asegura, nun chío, que a pesar de que continúan as investigacións, polo momento non se produciron detencións.

Este desmentido chega desdepois de que na noite deste domingo trascendese que trece persoas foran detidas nas últimas horas pola súa suposta relación directa ou indirecta coa morte de Samuel.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, confirmou este luns que non había detencións en relación a este crime. Tras unha reunión no Concello coa alcaldesa, Inés Rey, a subdelagada si confirmou que varias persoas pasaron pola comisaría de Lonzas para prestar declaración.

A investigación policial céntrase nunha disputa que se orixinou polo uso dun móbil. Pouco antes de sufrir a agresión, o mozo falecido, Samuel, estaba canda unha amiga coa que realizaba unha videochamada que puido causar unha confusión noutro grupo de mozos. A situación derivou na violenta agresión na rúa.

O corpo de Samuel presentaba varios hematomas e importantes golpes na cabeza. Foi precisa a intervención do 061 para tratar de reanimar o mozo, pero o falecemento produciuse no hospital universitario da Coruña, no que ingresou en estado crítico. Na beirarrúa onde quedou tendido varios cidadáns xa lle prestaron auxilio nun primeiro momento.

A Policía, por medio dos móbiles, está tratando de confirmar a identidade da maior parte dos agresores.

Sobre a posible motivación homófoba do crime, desde a subdelegación do Goberno aseguran que a Policía mantén abertas todas as liñas de investigación.