CRTVG

Buscar

A policía que disparou a Wright enfrontarase a cargos pola súa morte

Publicado o 14/04/2021 18:53
A policía que disparou a Wright enfrontarase a cargos pola súa morte

 A axente de policía que disparou no peito a Daunte Wright o pasado domingo durante unha parada de tráfico en Brooklyn Center enfrontarase a cargos pola morte do mozo afroamericano, de 20 anos, anunciaron autoridades locais este mércores. Así, Kim Potter, que levaba 26 anos no Departamento de Policía local, será acusada de homicidio en segundo grao pola morte de Wright, segundo o fiscal do condado de Washington, Pete Orput. Potter e o xefe de policía do Brooklyn Center, Tim Gannon, dimitiron este martes por mor da morte de Wright, que ocorreu moi preto de onde George Floyd foi asasinado o ano pasado.

Wright, de 20 anos, faleceu o domingo no vehículo que conducía, cando, durante un control de tráfico, Potter abriu fogo contra el de forma supostamente accidental, dixo a Policía o luns. O día antes da súa renuncia, Gannon explicou que a axente branca quería usar unha pistola eléctrica coñecida como  'taser' para inmobilizar a Wright, pero confundiuse e disparou coa súa arma de fogo unha bala que acabou coa vida do home.

Nun vídeo da cámara corporal da axente, revelado polo propio corpo policial, pódese escoitar unha voz feminina, a de Potter, exclamando a palabra "taser" antes de apertar o gatillo. Acto seguido escóitase a mesma voz dicindo: "Merda, acabo de dispararlle", mentres o coche conducido por Wright se afasta antes de estrelarse.

A familia de Wright e o seu equipo legal xa rexeitaron frontalmente a versión policial, descartando que se trate dun "accidente". "Non podo aceptar iso. Perdín o meu fillo. Non volverá nunca. Non podo aceptar iso, un erro, que nin sequera soa ben. Esta axente de policía estivo no corpo durante máis de 26 anos. Non podo aceptar iso", sinalou este martes Aubrey Wright, o pai de Daunte, no programa 'Good Morning America', da cadea ABC.

A morte do mozo afroamericano produciuse cando os nervios están a flor de pel en Mineápolis (Minesota), pendente da sentenza do xuízo contra Derek Chauvin, un dos catro policías acusados do asasinato de George Floyd en maio pasado, que desatou unha onda de protestas raciais en todo o país. 

Noticias web

14/04/2021