CRTVG

Buscar

A policía desvincula a ameaza a Maroto coas de Marlaska, Iglesias e Gámez

Publicado o 27/04/2021 15:36

A campaña madrileña xira arredor das cartas ameazantes. A última, a que recibiu a ministra de Industria, foi enviada por un home que padece esquizofrenia e que  está previsto que declare hoxe. A Policía localizouno axiña porque no remite puxo o seu nome e dirección reais. Sobre o resto das cartas, as que recibiron Iglesias, Marlaska e Gámez, continúan as investigacións. 

O veciño do Escorial que enviou unha navalla á ministra de Industria non está detido porque padece unha enfermidade mental grave. Crese que este non foi o único sobre que enviou. Nas últimas horas interceptouse outro en Correos dirixido á embaixada de Turquía en Madrid. O deputado de Bildu no Congreso Jon Iñarritu tamén desvelou que recibira un semellante o mes pasado, con escritos incomprensibles e unha película de misterio no seu interior.

Pola contra, a policía traballa coa hipótese de que non foi el quen enviou as cartas con balas que recibiron o ministro do Interior, a directora da Garda Civil e o líder de Podemos e seguen as pescudas para dar co autor, que cren que actúa en solitario. O asunto crispou aínda máis a campaña madrileña.

Dende o PP cren que publicitar as ameazas pode ser negativo.

A dirección de Correos explicoulles hoxe aos sindicatos por que non se detectaron estes envíos no seu centro de clasificación de Vallecas. Recoñecen que os escáners non teñen unha fiabilidade do cen por cento e recordan que tampouco foron identificados polos servizos de seguridade dos ministerios e que alí tamén esquivaron todos os controis.

Noticias web

27/04/2021