CRTVG

Buscar

A Policía non apunta á homofobia na investigación da malleira a Samuel

Publicado o 06/07/2021 16:11

As primeiras pescudas realizadas polos investigadores no caso do crime do mozo coruñés Samuel Luiz, de 24 anos, apuntan a que o móbil da agresión que lle provocou a morte non foi homófobo.

Así o indicaron a EFE fontes próximas á investigación, que precisaron que se tomou xa declaración a quince persoas relacionadas coa pelexa, mais non se determinou aínda quen foi o autor material do golpe que lle causou a morte.

A mala calidade das imaxes gravadas polas cámaras próximas ao lugar dos feitos dificulta a identificación do autor, engadiron as mesmas fontes.

De momento, a Policía non descarta ningunha hipótese, pero nas pescudas que levou a cabo ata o de agora non aparecen indicios de delito de odio.

Este móbil, en principio, non parece cobrar peso porque todo sucedeu cando Samuel e unha amiga estaban a realizar unha videochamada co teléfono móbil con outra moza, e iso desencadeou a pelexa porque un grupo de mozos creu que os estaban gravando.

Precisamente, este é o primeiro motivo polo que os investigadores non falan no seu primeiro atestado de delito de odio.

Outra das razóns que poderían descartar a agresión homófoba é que o grupo que deu a malleira a Samuel non o coñecía de nada nin podía saber a súa orientación sexual. E é que ademais do berro de "maricón", os agresores proferiron outros insultos, como "subnormal" ou "fillo de puta", resaltan esas fontes. 

Noticias web

06/07/2021