CRTVG

Buscar

A Policía Local reforza a vixilancia na ponte festiva para evitar aglomeracións

Publicado o 14/05/2021 15:36

As policías locais galegas prepáranse para unha ponte festiva sen estado de alarma nin toque de recollida. Para evitar que se produzan aglomeracións, reforzarán a vixilancia, sobre todo en Santiago, que ademais está de festas.

Santiago está de festas e toda Galicia de ponte. Comeza a notarse nas rúas, onde vemos máis ambiente e tamén máis policía. Nos coches e a pé, de día e de noite, están despregados na cidade para evitar que aglomeracións ou botellóns auguen a festa.

Carlos Rendo, policía local de Santiago: "Haberá máis coches de policía na rúa, e reforzarase sobre todo o servizo de paisano. Eles encargaranse de vixiar as zonas onde se adoita facer o botellón".

Polo día reforzan a súa presenza na zona vella e as zonas de terraceo. Máscaras, ocupacións, distancias de seguridade son os puntos que se van revisar. Pola noite, xa sen toque de recollida, o traballo cambia.

Carlos Rendo, policía local de Santiago: "De doce da noite a catro da mañá, o traballo de reforzo está máis centrado en evitar festas ilegais nos pisos e botellóns".

Malia as precaucións, prevén unhas festas tranquilas. A pasada fin de semana, a primeira sen estado de alarma, transcorreu con total normalidade en Santiago e agardan que así continúe nesta ponte festiva, en que, ademais, anuncian chuvia.


 

Noticias web

14/05/2021