CRTVG

Buscar

A Policía Local levanta en Lugo 79 actas de denuncia por diversas infraccións

Publicado o 15/12/2020 15:03

Foi a finais de agosto cando a cidade de Lugo comezou a ter restriccións máis severas e dende aquela fóronse sumando novas medidas, pero a día de hoxe séguense a rexistrar infraccións do máis variado, un bo exemplo son as denuncias da pasada fin de semana.

"En concreto 79 actas de denuncia por infrinxir o peche perimetral da cidade, polo toque de queda, por non usar a máscara, por reunións de máis de 6 persoas non conviventes e tamén por fumar na rúa sen manter a distancia de seguridade", sinala Eva Real, voceira da Policía Local de Lugo.

O que máis preocupan son as aglomeracións de xente, que propician a propagación do virus e é clave a concienciación e a colaboración cidadá.

"O que máis preocupa son as reunións de persoas non conviventes, especialmente os botellóns e as festas nos inmobles. Hai moitos cidadáns que teñen claro que hai que manter unhas normas e por iso nos chaman para que vaiamos cando teñen problemas con veciños que fan festas nas vivendas", engade a voceira da Policía Local.

Hai tamén infraccións por parte dalgún negocio. Nas últimas horas a policía desaloxou un local de hostalería que abriu as súas portas a pesar de que tiña orde de peche e suspensión de actividade por acumulación de infraccións.

Noticias web

15/12/2020