CRTVG

Buscar

A Policía Local disolve un 'botellón' e precinta dous locais en Vigo

Publicado o 31/05/2021 13:54

O bo tempo, o alivio das restricións e a falsa sensación de seguridade ante o avance da vacinación levou a xente ás rúas de toda Galicia na fin de semana. En Vigo a Policía Local tramitou unha vintena de denuncias por incumprimento da normativa sanitaria. Aquí, na zona do Náutico, os axentes tiveron que desaloxar varias ducias de mozos que facían botellón.

Segundo Rubén Pérez, presidente de Comerciantes e Hostaleiros Zona Náutico: "Foi unha cousa pequena, de 40 ou 50 personas, pero claro, a partir da unha da mañá están prohibidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, entón, pois hai que facer cumprir a normativa, porque hai moito sectores que estamos a sufrir restricións".

Tamén foron sancionados oito locais. Dous deles mesmo foron desaloxados e precintados por superar a ocupación permitida e o horario de peche. Os veciños quéixanse do ruído e as molestias: "Este en particular, porque foi un escándalo, pero é o que hai, en cambio estes de aquí pechan á súa hora e non hai problema ningún coas súas mesas", comenta unha veciña, e outro engade: "Eu son veciño da zona e fatal, aguantando o ruído todo o día, toda a noite, non hai límite, isto non hai por onde collelo".

A xente demanda maioritariamente sentidiño. "E despois, no verán, todos para casa outra vez. Menos mal que xa estaremos a metade vacinados", comenta unha veciña, e outra ten claro que "o mundo non se vai acabar en dous días, pódese facer todo máis gradual".

A Policía Local tamén propuxo para sanción doce persoas por non levar máscara, por reunión entre non conviventes e por consumo de alcol na vía pública.

Noticias web

31/05/2021