CRTVG

Buscar

A Policía Local de Santiago tivo que disolver 'botellóns' todas as noites do que vai de semana

Publicado o 07/10/2021 21:49

No que vai de semana, a Policía Local de Santiago tivo que intervir case cada noite para disolver botellóns na rúa e festas ilegais. As celebracións de madrugada aumentan considerablemente os xoves en Compostela. 

Hoxe é o quinto xoves desde que comezou o curso universitario. En Santiago, especialmente eses cuartos días da semana están a ser de moita actividade desde que empezaron as clases. O problema para o descanso dos veciños aumenta cando pechan as terrazas e os bares e se producen aglomeracións de xente bebendo e con música na rúa.

O ensanche e a zona vella son os puntos de Santiago máis afectados polo exceso de ruído. Esta madrugada, entre as dúas e as catro da mañá, a Policía Local de Santiago desaloxou un numeroso grupo de mozos, na contorna da rúa Curros Enríquez, nas inmediacións dun local de ocio nocturno.

Na noite anterior, tamén de madrugada, os efectivos policiais xa se viran na obriga de intervir para desaloxar da vía pública unhas 300 persoas. Na aglomeración producíronse tres pelexas. Parte da veciñanza que vive nesta zona quéixase do barullo ocasionado polo ocio nocturno. Mentres tanto, e no mesmo lugar, o barullo nocturno pasa inadvertido para outras persoas. 

Alfredo Brañas é outra das rúas do centro de Santiago onde se concentra o ocio nocturno. Esta mesma noite foron desaloxadas unhas 150 persoas por parte das patrullas da Policía Local. 

Noticias web

07/10/2021