Atopan unha nena de 12 anos con case 9 gramos de haxix ás portas dun colexio en Cangas
Unha nena de só doce anos foi interceptada pola Policía Local de Cangas con máis de 8 gramos de haxix dentro dunha caixa de caramelos. A menor, que ía acompañada doutro mozo de 17 anos, andaba en bicicleta polas inmediacións dun colexio de Rodeira. As primeiras pescudas apuntan a que os menores eran utilizados como correos para a venda desta droga.
A policía tivo que trasladala á comisaría, onde se levantou atestado. Dada a súa pouca idade, non se lle pode imputar ningún cargo. Tras avisaren os seus pais, os axentes puxeron os datos en coñecemento da Fiscalía de Menores para iniciar unha investigación.
Os dous menores andaban en bicicleta polas inmediacións dun colexio de primaria. Precisamente, o nerviosismo da nena de doce anos levantou a sospeita dos axentes.
Inmediatamente, foi trasladada a dependencias policiais para a súa identificación, dado que a menor nun primeiro momento facilitou datos falsos á policía. Posteriormente, avisaron os seus pais para que fosen recollela.
Unha situación alarmante para os expertos pola curta idade da menor, que tiña que estar no colexio. Agora será a Fiscalía de menores a encargada de investigar o sucedido. Aínda así, piden a colaboración das familias, dos colexios e das ANPA para previr e sobre todo paralizar este tipo de casos.
O que si é unha realidade son as cifras. Este ano 170.000 mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos iniciáronse no consumo de cánnabis no noso país.